Dosier dos temas 7-8

Nesta última entrada de dosier recollerei nunha soa entrada as actividades correspondentes ao Tema 7: Seccións bilingües e plurilingües. Metodoloxía CLIL/AICLE. Os proxectos lingüísticos de centro (PLC) e ao Tema 8: As linguas estranxeiras como fenómeno global. Experiencias educativas internacionais.

Resultado de imagen de clil
Fonte: http://www.onestopenglish.com

O día 10 de decembro foi adicado exclusivamente ao Tema 7. Comezamos falando sobre a diferenza entre un centro plurilingüe e un centro con sección bilingüe. Primeiro, o profesor preguntounos se coñecíamos a diferenza, para ver os nosos coñecementos previos e facer a clase un pouco máis bidireccional. Tras unha posta en común complementada con comentarios por parte do profesor, chegamos ás seguintes conclusións: un centro plurilingüe é aquel no que unha das materias se da integramente en inglés; o profesor ten que ter como mínimo unha acreditación B2 e ten que haber apoio dos profesores de lingua estranxeira; normalmente, a consellería adxudica un auxiliar. Por outra banda, nun centro con sección bilingüe, varias materias troncais danse parcialmente en lingua estranxeira; débese utilizar unha metodoloxía adecuada (a metodoloxía CLIL ou AICLE), pero iso non sempre acontece. A continuación, fixemos a primeira actividade do tema: individualmente, lemos un documento oficial da Xunta de Galicia que fala sobre EDUlingüe (a partir da páxina 20): o plan estratéxico galego con respecto ás linguas estranxeiras para o ano 2020, polo cal Educación destina case 70 millóns a estender o plurilingüismo a 200.000 alumnos e promover o seu ensino integral desde infantil ata a universidade. O obxectivo é alcanzar en 2020 un total de 500 centros plurilingües, 600 novas seccións bilingües e o dobre de auxiliares de conversa, alcanzando os 1000. Ademais, créase o bacharelato de excelencia en idiomas, que posibilitará ao alumnado certificar un nivel B2 ao remate da etapa. A oferta plurilingüe será máis especializada, mediante seccións e auxiliares adaptados á realidade social como a robótica ou as materias científico-tecnolóxicas, e a estratexia prevé máis formación do profesorado, tanto no territorio nacional como internacional, así como máis participación das familias. O fin último do plan é dotar a mocidade de máis destrezas para favorecer a súa empregabilidade e proporcionarlle máis oportunidades no actual mundo global. Trala lectura, fixemos unha posta en común crítica e todos estamos dacordo en que é un plan demasiado ambicioso e complexo, que queda moi bonito sobre o papel pero que na práctica non é viable, porque o prazo para poñelo en práctica é moi reducido, os profesores non teñen os niveis de inglés esixidos e os alumnos non alcanzan os obxectivos esperados. Ademais, consideramos que o ideal é empezar a formar aos profesores de Primaria en inglés e ir subindo de curso paulatinamente: comezar desde abaixo. Por outra banda, pensamos que é un plan moi caro e que a Xunta non debería investir tanto no plurilingüísmo e promover máis a nosa propia lingua: o galego. Un tema que xorde é que se esixe aos profesores un nivel C1 en bacharelato e FP, e un nivel B2 na ESO, o cal non é moi realista, xa que a maioría do profesorado leva anos sen estudar inglés. A EOI da formación e certifica a eses profesores, pero a maioría non aproban e a Xunta contratou a organismos certificadores externos privados (Trinity College). Grazas a esta actividade adquirín novos coñecementos sobre o tema no contexto galego dunha forma crítica.

A continuación, o profesor deunos a elixir entre facer outra actividade en grupo ou dar os seguintes contidos en forma de clase maxistral. Logo dun debate no que case gaña a clase maxistral, debido ao noso nivel de cansanzo acumulado ao finais do cuadrimestre, decidimos facer a actividade para seguir traballando as nosas competencias e ter máis sobre o que reflexionar na entrada do blog: a actividade consistía en tratar diferentes subtemas relacionados co Tema 7 en grupos de 3-4 persoas. Tratátase dunha actividade de síntese dun tema en forma de póster, utilizando para cada tema unha ferramenta TIC diferente. Ao noso grupo tocounos o tema “As 5 dimensións de Marsh” coa aplicación Infogram. Fixemos unha pesquisa na rede, seleccionamos un artigo de investigación que trataba o tema, repartimos as distintas dimensións entre as participantes do grupo e fixemos unha tradución-resumo. O resultado pódese ver neste póster. Despois presentáronse os pósters na clase, por grupos, de forma que os estudantes transmitían o aprendido aos seus compañeiros e a aprendizaxe dos contidos era máis amena. Nesta actividade desenvolvín a miña competencia dixital a través da pesquisa de datos e do uso dunha nova TIC, traballei en grupo e aprendín novos contidos dunha forma activa. Ademais das actividades da clase, nas que se traballan tanto contidos como competencias, en todos os temas (do 5 ao 7) contamos con material de ampliación da teoría nas presentacións Powerpoint dos temas que o profesor pon á nosa disposición, para que poidamos seguir aprendendo (a aprender) de forma autónoma fóra da aula.

O día 17 de decembro adicouse exclusivamente ás presentacións finais que o alumnado debía facer individualmente, e que supoñían o 50% da avaliación. Primeiro houbo dúas presentacións sobre o Tema 7: O proxecto lingüístico de centro (PLC) e Análise dun proxecto CLILL/AICLE dun centro de secundaria. A continuación, houbo varias presentacións sobre o Tema 8, organizadas en bloques: primeiro os métodos de ensino (Método de ensino por proxectos, Método comunicativo mellorado (Zoltan Dornyei) —o meu tema— e Suxestopedia), despois os sistemas educativos (de éxito) de distintos países (Finlandia, Corea do Sur e Irlanda) e por último O ensino de linguas estranxeiras en Europa. Nesta última actividade, os alumnos volveron traballar tanto competencias como contidos, xa que que debían facer unha pesquisa a fondo sobre un tema e resumilo nunha presentación (Powerpoint, prezi, Genially) cunhas características determinadas, para despois adoitar o papel do profesor presentándoa diante dos compañeiros e o docente. Unha última actividade moi en liña coa metodoloxía seguida durante toda a materia: moi activa e centrada no estudante.

E con esta entrada dou por finalizada a materia e o blog, satisfeita polos contidos e competencias desenvolvidos e polas reflexións feitas sobre o proceso de aprendizaxe ao longo destas semanas.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Diario do Tema 5: O deseño curricular

Presentación

Entrada correspondente ao Tema 1