Entrada correspondente ao Tema 3
Na entrada sobre o Tema 3: O ensino-aprendizaxe e certificación de linguas estranxeiras polas institucións internacionais, vou falar sobre unha institución relacionada coa certificación de linguas estranxeiras: ALTE. Ao final do Tema 3, había planificada unha actividade grupal para buscar información sobre distintas institucións de certificación (ALTE, CERCLES, EALTA, ACLES, ETS, etc), e considero que é unha mágoa que non a fixeramos por falta de tempo, polo que vou realizar a actividade de pesquisa de forma individual e compartir os resultados nesta entrada.
A Asociación Europea de Examinadores de Linguas, coñecida internacionalmente como ALTE (Association of Language Testers in Europe) é unha asociación de institucións examinadoras de linguas de toda Europa que foi fundada en 1990. A finais dos anos 80, coa apertura dos controis fronteirizos e o aumento da mobilidade internacional, a sociedade europea tivo a necesidade de volverse máis multilingüe. En consecuencia, foi preciso mellorar o ensino e a avaliación das linguas estranxeiras. Era necesario contar con cualificacións ecuánimes e que reflexasen con precisión o nivel do estudante nunha lingua, pero tamén unificar niveis nas distintas linguas e contar con certificacións recoñecidas en todo o mundo. En novembro de 1989, Mike Milanovic, que era director do departamento de examinación de inglés como lingua estranxeira da Universidade de Cambridge e era consciente destas necesidades, visitou a Universidade de Salamanca, que comezara a facer os exames DELE, e tecéronse os primeiros fíos para a creación da asociación. A idea era crear un gran grupo de institucións en toda Europa para desenvolver un sistema común de niveis en distintas linguas. Nos seguintes meses contactaron co Goethe-Institut, a Alliance Française, a Università per Stranieri, a Universidade de Lisboa e a Generalitat de Catalunya e a reunión inaugural celebrouse en Barcelona os días 10 e 11 de novembro de 1990. Na actualidade, entre os seus membros atópanse as principais institucións de certificación de linguas de Europa (para alemán, basco, búlgaro, catalán, checo, danés, eslovaco, español, estonio, finés, francés, galego, galés, húngaro, inglés, irlandés, italiano, lituano, luxemburgués, neerlandés, noruegués, polaco, portugués, romanés, sueco), entre elas as dúas institucións fundadoras: Cambridge Assessment of English e o Instituto Cervantes. Aquí pódese consultar a lista completa de membros de pleno dereito e aquí a lista de institucións afiliadas.
Naquel primeiro encontro de 1990, acordáronse as dúas áreas fundamentais nas que se centraría a actividade da nova asociación: establecer niveis de dominio da lingua comúns con vistas ao recoñecemento internacional de certificados e diplomas e establecer estándares comúns para cada etapa do proceso de avaliación da capacidade lingüística (deseño das probas, definición de ítems e redacción das preguntas, celebración de exames, puntuación e cualificación dos exames, comunicación dos resultados, análise do proceso e formulación de conclusións. Na súa páxina web, a súa misión actual resúmese en tres obxectivos: establecer estándares, manter a diversidade e maximizar o impacto. Para establecer estándares, ALTA deseñou un conxunto de 17 estándares comúns para os exames dos seus membros, que cobren todas as fases do proceso de examinación de linguas. Desta forma, os usuarios dos exames (alumnos, empregados, institucións educativas ou entidades gubernamentais) poden estar seguros de que os exames de linguas realizados polos membros de ALTE cumpren uns estándares profesionais estritos e reflexan con precisión as habilidades do examinado. Os membros de ALTE poden utilizar a marca Q de ALTE como indicador de calidade e excelencia. Para ser membro de ALTE é preciso pasar unha auditoría na que se avalían se os exames dunha institución cumpren os 17 estándares. Esta auditoria é revisada polo ALTE QMS Working Group e ALTE tamén forma a auditores. No relativo ao obxectivo de apoiar a diversidade, os membros de ALTE examinan 24 linguas de 21 países europeos e as institucións afiliadas examinan outras 16 linguas de Europa e do resto do mundo. Para ALTE todas as linguas son importantes (incluídas as linguas rexionais e linguas de signos), polo que da apoio tanto a institucións de grande envergadura como a outras cunhas decenas de examinados ao ano. En canto a maximizar o impacto, ALTE proporciona plataformas para fomentar a creación de sinerxias e o seu desenvolvemento entre os ámbitos da aprendizaxe, o ensino e a avaliación, así como entre o campo da investigación, as políticas e a práctica en diversas disciplinas e lugares do mundo. Por exemplo, ALTE colabora co Consello de Europa e participou na elaboración do MCER.
De feito, ALTE conta cun proxecto de investigación a longo prazo (Proxecto “Pode facer” ou “Can Do”), que estableceu especificacións de capacidade lingüística para os exames de linguas estranxeiras. Os máis de 400 descritores deste proxecto son multilingües, están centrados no usuario, están divididos en catro seccións (xeral, sociedade e turismo, traballo, e estudio) e foron escalonados e equiparados aos niveis do MCER. O MCER adica un anexo de 18 páxinas ás especificacións de capacidade lingüística de ALTE. Por outra banda, ALTE conta con grupos de intereses específicos (sistemas de xestión de calidade, avaliación lingüística para a migración e a integración, MCER/manual, lingua para fines específicos, YAL, tecnoloxía, formación de profesores, necesidades e circunstancias especiais) nos que poden participar tanto membros como afiliados. Ademais, organiza regularmente distintos eventos e actividades interesantes para a docencia: encontros, conferencias, cursos, reunións.
En canto a recursos, ALTE elaborou multitude de manuais e documentos de referencia en varias linguas que son de grande utilidade para os docentes e examinadores e se poden consultar na súa web, como o Manual para o deseño e desenvolvemento de probas de certificación, Protocolos de auditoría ou Materiais para orientar a redacción de ítems de exames, entre outros.
En conclusión, ALTE é unha asociación de referencia no ensino de linguas estranxeiras, que contribuíu enormemente á estandarización dos niveis de linguas en todo o mundo e que engloba ás principais institucións de certificación de linguas estranxeiras do planeta, polo que todo docente debería coñecela.
Ola Cecilia!
ResponderEliminarParéceme xenial que aproveitaras esta nova entrada para levar a cabo esta actividade e compartir connosco a oportunidade de afondar en aspectos que non tivemos o tempo de ver na aula. Despois do establecemento duns estándares comúns europeos para a aprendizaxe de linguas estranxeiras coa creación do MCER, parece case imprescindible a creación dunha única entidade avaliadora. Sinceramente, considero ALTE como unha iniciativa que pode acabar coa confusión na que nos atopamos as persoas que queremos acreditar un certo nivel de lingua e que temos que decidir entre unha longa lista de entidades e certificados.
Moitas gracias!
Ola, Marcela! Grazas por pasarte por aquí e polo teu comentario! En realidade ALTE é anterior ao MCER, e mesmo participou na súa elaboración ;-). Pero si, sen dúbida trátase dunha institución moi importante por ter desenvolvido un sistema común de niveis nas distintas linguas e por contar entre os seus membros coas institucións examinadoras de linguas máis importantes do mundo.
ResponderEliminarUnha aperta!!