Dosier do Tema 6: As programacións didácticas vixentes
Nesta segunda entrada de dosier para as sesións do profesor Gonzalo Constenla falarei e reflexionarei sobre as tarefas realizadas na clase durante o Tema 6: As programacións didácticas vixentes.
O día 26 de novembro adicamos a segunda metade da sesión a comezar o novo tema. Poucos minutos despois de dar comezado os contidos, realizamos unha actividade de debate piramidal. O tema a tratar estaba relacionado cun dos capítulos da Resolución do 11/05/2018 pola que se ditan instrucións no curso académico 2018/2019 para a implantación do currículo da ESO e do bacharelato nos centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia, en concreto co capítulo V, titulado “As programacións didácticas”. No punto 3 do seu artigo 24, indícanse os diferentes elementos que conforman as programacións didácticas. A finalidade do debate piramidal era reflexionar e elixir os elementos máis importantes dunha programación didáctica a partir da lista do decreto. Para iso, primeiro eliximos tres individualmente, despois eliximos tres en grupos de catro, e por último eliximos cinco en dous grupos de oito persoas. Unha vez que os dous grandes grupos elixiron cinco elementos (os do noso grupo foron: competencias, obxectivos, metodoloxía, estándares de aprendizaxe e criterios de avaliación), puxémolos en común co profesor e vimos que non eran exactamente os mesmos; o profesor ía comentando aspectos relevantes dos diferentes elementos (por exemplo, diferenzas entre a LOE e a LOMCE na avaliación: mínimos esixibles vs. estándares de aprendizaxe) e facendo que nos cuestionáramos cales eran máis importantes nos casos en que non coincidíamos. Aprendín que nos debates piramidais, o importante é que os alumnos se involucren e que activen os seus coñecementos previos, así como que traballen certas competencias, como a negociación, a quenda de palabra e o pensamento crítico. É dicir, non se trata só de aprender contidos, senón tamén competencias. Unha das maiores dificultades foi facer un debate real nos grupos de oito persoas, xa que coa distribución da aula algúns alumnos estabamos moi lonxe doutros; outra dificultade foi tratar de convencer a outros compañeiros das escollas persoais, porque tiñamos algunhas ideas moi fixas: por exemplo, para algunhas persoas do grupo as actividades eran máis importantes que a metodoloxía, pero eu cría que a metodoloxía tiña máis transcendencia, posto que xa englobaba as actividades. En canto aos logros, quizais o máis importante foi desenvolver o espírito crítico e cambiar as nosas ideas preconcibidas grazas ao novo input recibido. Pareceume unha tarefa moi adecuada para comezar o tema facéndonos reflexionar.
O día 10 de decembro demos por rematado este tema, falando das programacións didácticas das EOI. Para elo, familiarizámonos tanto co decreto 81/2018 como coa Guía curricular para a elaboración das programacións didácticas das EOI que redacta a Consellería a modo de orientación. A continuación, fixemos a última tarefa do tema, que consistía en deseñar unha unidade temática para a EOI. O profesor repartiu os niveis da EOI (desde A1 a C2) por parellas, e cada parella debía escoller un título para a unidade temática, a temporalización, un obxectivo específico, as competencias e contidos para ese obxectivo, as actividades, os criterios de avaliación, os instrumentos de avaliación, o mínimo esixible e os recursos baseándose na información que indica a Guía curricular para o seu nivel. Á nosa parella tocounos o nivel B1. Fomos recollendo a información requirida nun documento de Google Docs compartido entre as dúas, e despois trasladamos esa información a unha plantilla de infografía de Genial.ly. O resultado final pódese ver aquí. Con esta tarefa familiariceime cos documentos de referencia para a programación didáctica das EOI e aprendín as claves para a elaboración dunha unidade temática para EOI, ao mesmo tempo que mellorei un pouco máis a miña competencia dixital utilizando unha nova ferramenta TIC: Genial.ly. Pareceume unha actividade práctica de introdución á programación moi útil e realista, xa que cando sexamos profesores imos ter que elaborar programacións didácticas regularmente.
En conclusión, as tarefas realizadas neste tema axudáronnos a familiarizarnos coas programacións tanto de ESO e Bacharelato como da EOI desde unha perspectiva práctica e activa, facendo que nos puxéramos na pel dun profesor. De novo, aprendemos tanto contidos como competencias.
Comentarios
Publicar un comentario