Entrada correspondente ao Tema 1
Na entrada correspondente ao Tema 1: O ensino de linguas no presente modelo educativo, estatal e autonómico vou falar sobre un aspecto relacionado coa evolución das linguas estranxeiras en España que me parece moi interesante: o cambio da primeira lingua estranxeira ao longo da historia como consecuencia de factores políticos, históricos e económicos.
É ben sabido que a educación ten unha dimensión política: a educación está relacionada co Estado e reproduce as súas ideoloxías, como proba o cambio de leis de educación no noso país nas últimas décadas segundo o partido que estivese no Goberno. É ben sabido, tamén, que a educación ten unha dimensión económica: invértese en educación para que sexa rendible para a sociedade, e hoxe en día a globalización manda, como queda reflexado na LOMCE: “El dominio de una segunda o, incluso, una tercera lengua extranjeras se ha convertido en una prioridad en la educación como consecuencia del proceso de globalizaciónen que vivimos (...). La Unión Europea fija el fomento del plurilingüismo (...). La Ley apoya decididamente el plurilingüismo, redoblando los esfuerzos para conseguir que los estudiantes se desenvuelvan con fluidez al menos en una primera lengua extranjera (...) para favorecer la empleabilidad y las ambiciones profesionales”. Pero nesta entrada non nos imos centrar nas leis, senón no cambio da primeira lingua estranxeira ao longo da historia recente do noso país.
Como vimos na presentación da aula, a primeira metade do século XX caracterizouse polo predominio do francés nos plans de estudio. Isto débese a que, como antes sucedera en Europa co latín na Idade Media, o francés converteuse na lingua de comunicación internacional durante a época da ilustración. De feito, o propio termo “lingua franca” indica que o francés foi a primeira lingua de comunicación internacional. A universalidade do francés sitúase entre finais so século XVII e o penúltimo cuarto do século XIX, que coincide co período de hexemonía económica e cultural francesa no mundo, como lemos no artigo “El francés en Europa y en la Unión Europea: auge y caída de una lengua franca”. O proceso a través do cal o francés comezou a definirse coma unha lingua estable e recoñecida a nivel internacional remóntase a 1634, cando o cardenal Richelieu, que pretendía estandarizar e controlar a lingua oral e escrita, creou a Académie Française. E mo século XVIII, o francés clásico desprazou ao latín nos tratados internacionais, comezando co Tratado de Rastatt (1714) que supuxo a fin da Guerra de Sucesión Española. No século XIX uníronselle ao francés outras dúas linguas francas, o alemán e o inglés, pero a Administración educativa española seguiu concedéndolle máis importancia ao francés ata os anos 50 do século XX. Porén, circunstancias excepcionais requiren medidas excepcionais; durante a Guerra Civil española, a primeira lingua estranxeira cambiou temporalmente: “A partir de la reforma vivida por la segunda enseñanza en 1938 (...) se estableció que la cultura humanística debía completarse con el estudio de dos lenguas vivas, escogidas por los alumno entre las que se fijaban en el cuadro de estudios, siendo obligatorio que una de ellas fuera italiano o alemán (por obvias razones de índole política)”, como podemos ler no informe "La enseñanza de las lenguas extranjeras en España". Novamente, aquí vemos claramente como a dimensión política afecta á educación.
Como dicíamos, o inglés comezou a coller importancia como lingua internacional no século XIX. Tras estenderse o inglés por todo o mundo da man do Imperio Británico, a fortuna de Gran Bretaña cambiou de forma drástica despois da Segunda Guerra Mundial. Europa quedou destruída e Inglaterra en quebra, e os Estados Unidos e os exércitos soviéticos exerceron o dominio de facto sobre Europa. Nos anos de posguerra, os Estados Unidos experimentaron unha incrible expansión. As compañías estadounidenses florecían onde a British East India Company estivera séculos antes, levando o inglés por todo o mundo como unha lingua comercial. A gran influencia das empresas estadounidenses, combinada co legado lingüístico deixado polo Imperio británico, fixeron do inglés a lingua número un do comercio internacional no século XX. Como consecuencia, na educación española, o inglés empeza a gañar peso nos anos 50. Pero o legado cultural das décadas da posguerra tamén é moi importante para o crecemento do inglés como lingua mundial. Ademais de cartos, os Estados Unidos tamén levaron a música e o cine ao outro lado do Atlántico, a través do rock and roll, o jazz. Aínda que a música estadounidense non foi a única que puxo o inglés nas orellas de todo o planeta: bandas como os Beatles ou os Rolling Stones foron tamén moi populares na ditadura española. Ademais, as películas de Hollywood convertíronse nunha sensación global. Na década dos 70, coa LGE (Ley General de Educación), o ensino básico faise obrigatorio e a materia de lingua estranxeira chega a todo o alumnado. A partir daquela, o inglés se mantén como primeira lingua estranxeira ata a actualidade.
Hoxe en día, o inglés segue sendo a lingua predominante a nivel internacional, ao ser a lingua maioritaria na ciencia, na tecnoloxía e en Internet, polo que todo apunta a que seguirá sendo a primeira lingua estranxeira nos nosos centros educativos durante moito tempo, e máis tendo en conta a globalización e a mobilidade internacional da última década.
Pareceume interesantísima a relación entre o contexto histórico, económico e social e as linguas estranxeiras de preferencia en cada momento. Chama a atención o gran poder de influencia que ten a dimensión económica da educación á hora de favorecer, por parte do goberno, o ensino dunha ou doutra lingua estranxeira.
ResponderEliminarNeste sentido, gustaríame saber que prevés para o futuro. Ante a puxanza dunha nova potencia económica como é a República Popular China, cres que a hexemonía do inglés como lingua franca chegará a estar en perigo?
Ola, Aarón! Moitas grazas por pasarte polo blog e polo teu comentario. Contestando á túa pregunta, coido que a medio prazo a hexemonía do inglés non vai estar en perigo. É a lingua franca por excelencia en todo o mundo. Fíxate que todo apunta a que mesmo seguirá sendo a lingua de comunicación na UE despois do Brexit. Non cabe dúbida de que o chinés está a gañar importancia como lingua a medida que China vai subindo postos na clasificación de potencias mundiais. Obviamente, a todo aquel que faga negocios con China iralle moito mellor se coñece a súa lingua e a súa cultura. Non son experta na materia (igual ti que viviches en China tes outra percepción), pero considero que o chinés está a gañar peso como lingua comercial, pero exclusivamente no caso das relacións comerciais con China. Feliz ano! :)
ResponderEliminarGrazas pola túa resposta, Cecilia. Teño unha visión moi semellante á túa ao respecto. Penso que, a estas alturas, sería moi complicado desbancar ao inglés coma lingua franca. O chinés, aínda que pode gañar peso como lingua comercial, conta coa desvantaxe da súa distancia lingüística cos idiomas falados no resto de potencias mundiais. Un falante de francés, alemán ou español invertiría moito menos tempo en aprender o inglés, e xa sabemos o importante que é aforrar tempo e recursos para ser competitivo no mundo en que vivimos.
ResponderEliminar