Dossier do Tema 5: O deseño curricular
Nesta primeira
entrada falarei sobre as tarefas realizadas na aula durante as sesións do Tema
5: O deseño curricular, impartido polo profesor Gonzalo Constenla.
O 12 de
novembro foi a sesión de introdución da materia, pero deunos tempo a comezar o
Tema 5 e a facer a primeira tarefa da materia. Tratábase dunha tarefa
colaborativa para traballar en grupos de 5 e responder a unha serie de
preguntas sobre o currículo: Que é o currículo? Cales son os elementos do
currículo? Cales son as competencias básicas que recolle o currículo? Cales son
os graos de concreción curricular? Tras un breve debate nos grupos, puxemos en
común as nosas respostas con toda a clase e o profesor. Esta actividade serviu
para refrescar coñecementos previos doutras materias, ver as nosas carencias e
que o profesor fixese unha avaliación inicial dos nosos coñecementos. Foi unha
actividade sinxela que non presentou dificultades e o maior logro foi quizais
cuestionar a veracidade dos coñecementos previos o asimilar novos coñecementos.
Pareceume unha actividade moi amena e útil para iniciar o tema.
O 19 de
novembro foi a primeira sesión que adicamos íntegramente ao tema. Nada máis
empezar a sesión, realizarmos a primeira actividade coa aplicación Kahoot. Fixemos a actividade por parellas ou pequenos grupos. Logo de
rexistrarnos na aplicación, fomos respondendo a 24 preguntas sobre a
distribución competencial en relación a diferentes aspectos do currículo,
seleccionando entre 4 respostas posibles. Por exemplo: “Quen establece os
contidos das materias troncais?”. Mentras, o profesor ía explicando ou
puntualizando as respostas. Con esta actividade aprendín e reflexionei sobre as
funcións dos diferentes actores (goberno central, autonómico, ministerio,
centros) no deseño do currículo segundo a Lei, aprendín a utilidade da
aplicación Kahoot e aprendín que se pode aprender xogando e errando, sempre que
o profesor dea un feedback apropiado. A principal dificuldade foi atopar a
resposta correcta, atendendo ao verbo e aos elementos mencionados na pregunta.
O principal logro foi aprender sobre a marcha e usar Kahoot por primeira vez.
Pareceume unha actividade de motivación perfecta para tratar un tema que non
era moi atractivo (a Lei), ao mesmo tempo que serviu de avaliación inicial dos
nosos coñecementos previos. Na segunda parte da sesión, realizamos unha
actividade colaborativa sobre as linguas estranxeiras no currículo da ESO,
Bacharelato e FP. O profesor fixo grupos de 3 persoas e asignounos apartados
dun documento de Word compartido en Google Drive. Dentro do grupo, dividímonos
os apartados e buscamos a información requerida utilizando o texto da LOMCE e do Decreto galego, posto que nos tocou o tema do
Bacharelato. O profesor ía monitorizando o avance da actividade facendo
comentarios de avaliación formativa cando vía que nos desviabamos do resultado
buscado. Ao final, os distintos grupos presentaron a súa contribución ao
documento final e o profesor ía puntualizando, ampliando ou facendo
preguntas críticas sobre a información. Nesta actividade adquirín coñecementos
sobre as linguas estranxeiras na ESO, Bacharelato e FP, tanto sobre o tema do
meu grupo como dos outros grupos, a desenvolvín un pouco máis a miña
competencia dixital. A maior dificultade foi atopar a información requerida, xa
que ás veces certa información das leis é un pouco difícil de localizar. Na
miña opinión, esta actividade de aprendizaxe colaborativa é un xeito perfecto
de aprender a traballar en equipo, desenvolver competencias e compilar
coñecementos sobre un tema moi denso de forma amena.
O día 26 de
novembro rematamos o tema falando da Escola Oficial de Idiomas, un tema no que
o docente é especialista, por ser o director da EOI de Santiago. Comezamos a
sesión cun Kahoot individual sobre a distribución competencial do currículo,
pero esta vez da EOI. Con esta actividade, o profesor puido facer unha
avaliación inicial do noso coñecemento e aproveitou para explicar cuestións interesantes:
por exemplo, na pregunta “Quen administra e avalía as probas e certifica os
niveis A1-C2?”, Gonzalo explicou que os profesores da EOI mandan exemplos de
tarefas para o exame de certificación a unha comisión, e as tarefas
seleccionadas sométense despois a unha serie de mecanismos de pilotaxe (probas
con alumnos reais para avaliar a súa adecuación) e estandarización (de
criterios de avaliación) para que as probas sexan fiables. Ao final do Kahoot, fixemos
unha valoración xeral da actividade, que supón unha avaliación da práctica
docente, recollida nos requisitos do currículo. Coas estadísticas tamén podemos
avaliar a actividade en si: se nos resultados vemos que todos os alumnos erraron
na mesma pregunta, significa que probablemente esa pregunte estea mal
formulada. Con esta actividade, aprendín todo o anterior (e máis) e, como xa dixen,
creo que é unha forma perfecta para motivar ao alumnado ao principio dunha
clase, aínda que a gamificación tamén son consciente de pode dar lugar á
desconcentración do alumnado se non se xestiona ben.
Como conclusión,
creo que as actividades deste tema foron moi acertadas e conseguiron que,
gracias á implicación activa do alumnado no proceso de ensino-aprendizaxe,
aprendéramos case sen decatarnos.
Comentarios
Publicar un comentario