Entrada correspondente ao Tema 4
Na entrada do Tema 4: Os niveis de referencia de aprendizaxe de linguas e o desenvolvemento de competencias, falarei en xeral sobre o papel das competencias no ensino e centrareime especialmente no tratamento do coñecemento declarativo na aprendizaxe de linguas estranxeiras.
Non cabe dúbida de que nos últimos anos as competencias entraron con forza a formar parte dos currículos e programacións didácticas do ensino en xeral. Na LOE(2006) denomináronse “competencias básicas” e na LOMCE (2013), “competencias clave”, e hoxe en día todo profesor debe telas en conta no seu día a día á hora de deseñar unha unidade didáctica ou unha tarefa. En canto ao ensino de linguas estranxeiras, o MCER (2001) tamén fala de competencias. En concreto, adica un capítulo completo, o capítulo 5, ás “Competencias do usuario ou alumno”. Como vimos na clase, o MCER divide as competencias en competencias xerais (que se subdividen en coñecemento declarativo, destrezas e habilidades, competencia existencial e capacidade de aprender) e competencias comunicativas da lingua (nas que se distinguen competencias lingüísticas, sociolingüísticas e pragmáticas).
Unha competencia que me parece moi interesante
e á que normalmente non se lle da a importancia necesaria nas clases de lingua
estranxeira é o coñecemento declarativo
(saber). Nesta entrada afondarei un pouco máis nel relacionándoo cos contidos
dados nas miñas clases de ELE para inmigrantes (A1). O MCER divide o
coñecemento declarativo en tres subapartados: coñecemento do mundo, coñecemento
sociocultural e consciencia intercultural. Comecemos co coñecemento do mundo: segundo o MCER, “Para o alumnado de linguas estranxeiras
sería de especial importancia coñecer os datos do país nos que se fala a lingua.
Entre outros detalles é importante coñecer as características xeográficas,
medioambientais, demográficas, económicas e políticas…”. Non cabe dúbida de que
é imprescindible coñecer os datos básicos dos países onde se fala a lingua, e
máis cando os estudantes están en inmersión lingüística, como é o caso dos meus
alumnos. Nas clases de lingua estranxeira, é bastante habitual que o profesor
mande unha tarefa ou proxecto para que os alumnos investiguen sobre un país e
fagan unha presentación oral, póster ou unha redacción. No caso dos meus
estudantes, ao estar vivindo no país, considerei que eles mesmos terían a
curiosidade de buscar eses datos pola súa conta. Non obstante, ao teren un
perfil cultural baixo, esa investigación persoal non se produciu, pero un deles
dirixiuse a min pedíndome se podía dar unha clase que tratase algúns deses
temas. Seguindo a metodoloxía espontaneísta, preparei os contidos da miña
seguinte clase atendendo aos intereses inmediatos do alumnado, para favorecer a
motivación: fixen unha presentación Powerpoint en L2 para nivel A1 sobre
xeografía, historia e política da España, moi resumida e sinxela, deixando
lugar en todo momento para preguntas, que foron moitas. Ao acabar, organicei un
concurso en dous equipos sobre os contidos vistos e a motivación foi
exponencial, o que axudou a asimilar mellor os temas revisados. Ao finalizar,
eles contáronme brevemente sobre a xeografía, historia e política do seu país
(Nixeria).
En canto á consciencia intercultural, o MCER defíneo como “O coñecemento, a percepción e a comprensión da relación entre o «mundo de orixe» e o «mundo da comunidade obxecto de estudo» [...]. Inclúe, naturalmente, a conciencia da diversidade rexional e social en ambos mundos, que se enriquece coa conciencia dunha serie de culturas máis ampla da que conleva a lingua materna e a segunda lingua, o que contribúe a ubicar ambas no seu contexto”. Ao estar en inmersión, a consciencia intercultural é moi forte e no caso dos meus alumnos non aparecen estereotipos, posto que apenas sabían nada da nosa cultura ata chegar aquí. Son moi conscientes da diversidade rexional, e mesmo algúns estudan galego na EPA.
Para concluír, respondendo á pregunta Como se deberían tratar nos cursos de
linguas as competencias xerais, neste caso as relativas ao coñecemento
declarativo?, considero que se deben seleccionar textos que ilustren novas
áreas e elementos de coñecemento (por exemplo, material sobre a familia), pero
tamén textos auténticos (folleto de supermercado), así como a través de xogos
de rol e simulacións (simulación das doce uvas de Noitevella), pero tamén cando
xorden problemas culturais e cando o alumno o solicita (intereses do alumnado).
Gracias por compartir a túa experiencia personal nesta entrada.
ResponderEliminarNótase que partes dunha realidade para falar da importancia do coñecemento declarativo e estableces puntos moi firmes para que non se deixen de lado en ningún tipo de ensino.
Con todo, creo que sempre foi habitual integra-lo coñecemento declarativo no ensino e linguas estranxeiras, en forma de "temas", pero sempre dunha forma bastante artificial. Poderíase mellorar moito, de moitas maneiras, como a que dis de utilizar textos auténticos e, sobre todo, aproximarse de forma máis directa a eses saberes, incluso utilizando a primeira lingua para formar bases dese saber declarativo respecto a lingua estranxeira. O método espontaneísta, aplicado de maneira oportuna, pode aportar moitísimo, como relatas na túa experiencia.
Ola, Santi! Alégrome de que che gustara a entrada. Coincido contigo en que é habitual integrar o coñecemento declarativo no ensino de linguas, aínda que todo depende do docente e do material utilizado e non sempre é así. Sen ir máis lonxe, en 1º de carreira din francés utilizando únicamente unha gramática! Desde o meu punto de vista, debería estar presente sempre, e se cadra máis a medida que se vai subindo de nivel. Unha aperta!
ResponderEliminar