Diario do Tema 6: As programacións didácticas vixentes

A entrada de diario do Tema 6 está relacionada coa  tarefa “Observación dunha programación didáctica”. A presentación do meu grupo trataba a programación didáctica do IES Santa Irene (inglés, 3º de ESO). Porén, como o grupo fixo un bo traballo previo, gustaríame facer unha análise un pouco máis ampliada que a que se pode ver na presentación.

A programación recolle todos os elementos que se enumeran na Resolución do 11/05/2018. De feito, o documento destaca pola súa organización e a maioría deles aparecen xa no propio índice do documento. Os únicos elementos que non aparecen no índice son os “Criterios sobre a avaliación, cualificación e promoción do alumnado”, que aparecen no corpo do texto, e os “Indicadores de logro para avaliar o proceso do ensino e a práctica docente”, que aparecen en cadros.

En canto ás fontes da programación, están todas cubertas. A fonte didáctica está bastante ben representada: o documento recolle a totalidade da lexislación e normativa aplicable, tanto autonómica como nacional e europea (Decreto 86/2015, Lei orgánica 8/2013 para a mellora da calidade educativa (LOMCE), Real decreto 1105/2014, Orde ECD/65/2015, Recomendación 2006/962/EC, Orde ECD/68/2015, Resolución do 11 de maio de 2018, Orde do 28 de maio de 2018). Estas leis aparecen tanto no texto coma nun apartado final de lexislación e bibliografía. En canto aos documentos do centro, só se menciona a Programación xeral anual do centro, e botamos en falta algún documento máis, coma o PEC. En canto á fonte psicolóxica, esta programación ten moi en conta a atención a diversidade. Xa na introdución di “Especialmente nos primeiros cursos de ESO, hai algúns alumnos e alumnas con necesidades específicas de apoio educativo (NEAE)”. Para coñecer as características psicoevolutivas do alumnado realizaranse probas na avaliación inicial e, en caso preciso, tomaranse medidas “de conformidade co alumnado e os seus pais, nais ou titores legais, o co asesoramento do departamento de orientación e a xefatura de estudos”. Estas medidas son: actividades de reforzo e ampliación, adaptación de procedementos, e adaptación do currículo. A fonte sociolóxica é quizáis a que está menos cuberta: na introdución menciónase o barrio e o enderezo do centro e dise que a maioría do alumnado reside na proximidade, pero non se especifica o contorno socioeconómico nin se interactúa con ese contorno. En relación á fonte epistemolóxica, coñécense os contidos da materia e estes correspóndense cos do currículo. Ademais, coñécense as orientacións e prácticas metodolóxicas vixentes na didáctica da materia: menciónase o MCER xa na introdución e os principios metodolóxicos e recursos mencionados son moi actuais.

En canto aos contidos, a contextualización presenta unha completa descrición, sobre todo do centro. Tamén conta cunha axeitada descrición do alumnado e do departamento de lingua inglesa, se ben bótase en falta una apartado do Marco Lexislativo e algo máis de información sobre o medio físico e socioeconómico. Os obxectivos para o curso son convencionais, mencionando os dereitos humanos, a igualdade entre sexos e o rexeitamento á violencia e ao racismo. Préstase especial atención ao uso das TIC e das linguas, sobre todo ao uso da lingua galega. No referente ás competencias, hai unha ampla introdución na que se mencionan todas as competencias clave, para logo detallar nunha complexa descrición as cinco competencias clave presentes na materia e os estándares de aprendizaxe avaliables para cada competencia. Tamén hai un apartado con cadros que analiza a concreción dos estándares de aprendizaxe de cada bloque do currículo con minuciosidade, concretando a súa temporalización por avaliación, o grao mínimo de consecución e os procedementos e instrumentos de avaliación. En canto aos contidos, distribúense en nove unidades didácticas precedidas dunha unidade preliminar, cunha temporalización moi clara. Inclúese un cadro de contidos por unidade, onde sempre se especifica un contido de cada bloque. Os elementos transversais están enumerados e definidos con amplitude. As actividades complementarias soamente se mencionan, porque están descritas na programación xeral do centro. En canto á metodoloxía, é realista, empézase enumerando os problemas existentes (clases numerosas, clases heteroxéneas, alumnado desmotivado e disruptivo). Os principios metodolóxicos son completos e actuais: enfoque comunicativo, atención á forma, as catro destrezas básicas, inglés coma lingua vehicular na aula, metodoloxía activa, traballo en equipo, motivación, autonomía (diferentes ritmos de aprendizaxe), uso das TIC (gmail, Google Drive, Classroom, etc.) e proxectos. A descrición dos recursos ten un nivel de concreción moi alto: libro de texto (con versión dixital), libro de lectura, encerado dixital, aula virtual, G Suite, fichas e outros (vídeos, gravacións, etc.). A continuación atopamos unha boa e moi completa descrición das medidas que se tomarán para a atención á diversidade: actividades de reforzo, actividades de ampliación, adaptación dos procedementos de avaliación e adaptación do currículo. A avaliación está dividida en dous apartados: avaliación do alumnado e avaliación do ensino. A avaliación do alumnado conta cunha completísima descrición dos procedementos de avaliación, na que explican en cada caso en que consisten e para que os empregan: proba escrita, proba oral, proba diagnóstica, proba en liña, traballo, rúbrica (con tres exemplos), caderno de clase, observación na aula, produción, cuestionario e expediente académico. Mesmo teñen unha sección especificando o procedemento que seguirán para a prevención do fraude (plaxio). Dividen os procedementos de avaliación en catro seccións moi completas: avaliación inicial (cuxa función é obter información para orientar a actividade docente e tomar medidas para de atención á diversidade se é preciso), avaliación continua (a avaliación positiva no terceiro trimestre supón a superación da materia: non hai probas de recuperación para os trimestres anteriores inda que se suspendesen), proba extraordinaria (para os alumnos que non superaron a avaliación ordinaria) e recuperación e avaliación de pendentes (proba parecida á proba extraordinaria. En todo caso, a superación da materia dun curso superior supón o aprobado automático da materia en cursos anteriores).



Hai unha avaliación do ensino e da práctica docente cada mes. Tamén se avalía a propia programación didáctica mensualmente.

A valoración final é moi positiva: trátase dunha programación didáctica paradigmática, cunha información moi completa e un gran nivel de concreción en todos os apartados da programación, especialmente nas competencias, obxectivos, contidos, metodoloxía e avaliación. Os únicos puntos febles que detectamos son algunhas carencias  nalgunhas fontes na contextualización. A presentación é moi coidada e organizada, algo que se agradece, se a comparamos coas doutros centros, que en moitos casos son desorganizadas, non aparecen nas webs dos centros ou están desactualizadas.


Comentarios

  1. Estou completamente dacordo co adxectivo "paradigmática" empregado para calificar á programación didáctica do IES Santa Irene. Eu tamén quedei abraiado pola minuciosidade e coidado con que tratan a práctica totalidade dos contidos habituais dunha programación. De feito, o considero un sólido punto de partida de cara á futura elaboración deste tipo de documentos. Vémonos na aula!

    ResponderEliminar
  2. Ola, Álex! Como non vas estar dacordo, compi de grupo? ;-) Si, sen dúbida esta programación é un modelo a seguir para futuros docentes coma nós! De feito, como a programación era sobresaínte e Gonzalo fixo na clase un comentario de que podiamos reutilizar a ampla información recopilada para a entrada, animeime a aproveitar o tempo invertido na clase para ampliar o contido da presentación de Powtoons. Así que un cachiño desta entrada é túa tamén. Unha aperta!!

    ResponderEliminar

Publicar un comentario

Entradas populares de este blog

Diario do Tema 5: O deseño curricular

Presentación

Entrada correspondente ao Tema 1